Sunday 08 de September de 2024

O PP de Culleredo esixe ao goberno municipal unha partida orzamentaria para realizar melloras en Fonteculler


∙ Na última década fíxose evidente que o deixamento por parte do Concello provocou a progresiva deterioración das súas prazas e das súas rúas, algo que os veciños manifestan a diario.

∙ Un dos barrios con máis poboación de Culleredo foi perdendo servizos tan elementais como os bancarios, carecendo mesmo de caixeiro automático.

Se hai algunha zona de Culleredo que notase especialmente a desatención por parte do Goberno Municipal durante os últimos anos, esa é Fonteculler. Á xa tristemente coñecida cuberta errada de As Brañas, súmanse outras moitas carencias que os residentes desta zona veñen reclamando desde hai anos.
Cunha poboación de máis de 3000 veciños, o barrio conta con tres parques infantís que suman catro randeeiras e dous pequenos tobogáns. Esa é precisamente una das queixas máis repetidas entre os veciños: o mal aproveitamento dos espazos. “É ridículo ter dous parques infantís tan pequenos e tan escasamente dotados, tendo unhas prazas tan amplas”, manifesta a portavoz popular e veciña de Fonteculler, Izaskun García.
O situado na praza de Santa Xema ten o caucho en moi mal estado, levantado por todo o perímetro, “o que provoca que pequenos e maiores tropecen a miúdo”, advirte García. O caso da praza Rodríguez Castelao non é mellor. “Os defectos no chan da praza son evidentes, con plantas brotando entre o pavimento e producindo fochas que resultan perigosos para os veciños”.
Especialmente preocupante son os excrementos de aves que se acumulan en beirarrúas, soportais e escaleiras. “Este é un problema xa de saúde pública. Nalgúns recunchos a acumulación é realmente alarmante. Esixímoslle ao alcalde que tome medidas antes de que, coa calor, o problema sexa aínda máis grave”, recalca García.